Galiciencia

Enviado por administrador el Sáb, 18/11/2017 - 06:03

Galiciencia reunirá 79 proxectos de 40 centros educativos

A maior feira científica de Galicia, que se celebrará entre os días 22 e 24 de novembro, centrarase este ano na astronomía.

Conta atrás para a maior feira científica de Galicia. A Tecnópole de Ourense acollerá a vindeira semana, entre os días 22 e 24 de novembro, a duodécima edición de Galiciencia. Case 80 proxectos de 40 centros educativos de toda Galicia, de Primaria, Secundaria e Bacharelato, terán oportunidade de ser presentados ante o público asistente na edición de 2017. Espéranse máis de 2.000 visitas durante os tres días. O evento conta conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt).

Hai proxectos de todo tipo: lentes para cegos impresas en 3D, un dispositivo tecnolóxico para escorrentar o xabaril das colleitas, un mecanismo para abrir as portas dos baños públicos sen usar as mans e outro para que as ventás de tellado se pechen soas se chove, un sistema de esterilización de auga low-cost e varias iniciativas de ciencia cidadá son algunhas das ideas dos mozos e mozas participantes.