O galego que inventou a máquina multiplicadora

Enviado por administrador el Mié, 07/02/2018 - 14:48

A calculadora de Verea é un orgullo dos Estados Unidos. A súa máquina multiplicadora consérvase como unha xoia na compañía IBM en Nova York e está exposta no Museo Nacional da Historia de América, que rexenta o prestixioso Instituto Smithsonian. Porque o galego Ramón Verea figura na historia mundial da computación como o primeiro que foi quen de crear un trebello que multiplicaba directamente, sen necesidade de facer sumas sucesivas dándolle voltas a un manubrio.

A máquina de Verea, que patentou en 1878, non é pouca cousa: pesaba 23 quilos e podía multiplicar e dividir números de nove cifras, admitindo ata seis díxitos no multiplicador e quince no produto. Din as crónicas que o trebello podía resolver 698.543.721 × 807.689 en vinte segundos, unha velocidade sorprendente para a súa época.

Malia a súa celebridade posterior, Verea non gañou co seu invento nin un céntimo nin un centavo; nin unha peseta nin un dólar. Porque, como el mesmo declaraba, ideou a máquina simplemente para demostrar que podía facelo. Que “un español podía inventar como un norteamericano”. Que un home da parroquia de Curantes, no concello da Estrada, era quen de situarse na vangarda mundial da computación.

Porque o galego Ramón Silvestre Verea Aguiar y García foi todo un personaxe. Naceu na Estrada (Pontevedra) o 11 de decembro de 1833 e finou en Bos Aires o 6 de febreiro de 1899 e a súa vida foi unha sucesión de empresas no xornalismo, a literatura e a enxeñaría.

GCIENCIA