Unha galega crea un sistema de visión artificial que mide a calidade da lousa

O deseño feito pola enxeñeira de minas Carla Iglesias, da UVigo, aportará grandes avances para o sector da lousa

Os xacementos de lousa que predominan en Ourense e se estenden por Castela e León son de importancia mundial e fan que España sexa o principal produtor e exportador de lousa ornamental. Durante os últimos trinta anos, a evolución do sector foi constante e a día de hoxe a maior parte dos labores, tanto en mina como en nave, están mecanizados, todos salvo o labrado, selección e clasificación das placas, que se fan manualmente dende hai medio século. Ata o de agora non se dispoñía de ningunha tecnoloxía desenvolvida abondo como para poder levar a cabo estas tarefas de clasificación de xeito automático, algo ao que lle pon solución a tese de doutoramento da enxeñeira de minas da UVigo Carla Iglesias, un traballo no que a investigadora describe un novo sistema de visión artificial e aprendizaxe automática capaz de analizar as placas e decidir a súa calidade comercial, froito do cal se obtivo o Modelo de utilidade ES-1093606_U Sistema para la caracterización de placas de pizarra.

GCIENCIA