¡Non abandones a Tecnoloxía!

A Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia (APETEGA) leva xa 19 anos traballando polo recoñecemento e calidade do ensino das materias tecnolóxicas na Educación Secundaria.

Neste tempo, a asociación loitou pola defensa da Tecnoloxía e pola súa presenza nas distintas reformas educativas, mantendo xuntanzas con administracións educativas e sindicatos, pedindo apoios ás universidades e colexios profesionais e formando parte da Plataforma Estatal de Asociacións do Profesorado de Tecnoloxía, dende a que se coordinan accións conxuntas.

Por outra banda, na procura da actualización do profesorado, organizamos cada ano as Xornadas de Tecnoloxía nas que se adquiren coñecementos e material sobre diferentes contidos da nosa área. Con menos frecuencia, celébranse tamén Xornadas monográficas nas que se afonda sobre algún tema de interese. Todo isto, recollémolo na nosa web e na Aula Virtual, na que imos compartindo recursos.

Para colaborar con este traballo, convidámoste a adquirir a condición de socio da APETEGA, beneficiándote ademais de:

  • Incorporación a un grupo de correo onde consultar calquera dúbida sobre a materia.
  • Acceso á Aula Virtual e nela, a recursos, programacións, etc.
  • Acceso á área da web con información só para asociados.
  • Matrícula de balde nas Xornadas.

 

APETEGA