O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades galegas –Universidade da Coruña (UDC), Universidade de Santiago (USC) e Universidade de Vigo (UVigo)– organizan a Olimpíada Informática Galega 2022 (OIG 2022).
Os participantes na Olimpíada Informática Galega deben resolver unha serie de problemas mediante unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Na OIG permítese o uso de C++, Python ou Java. Os problemas da olimpíada soen centrarse no deseño correcto e eficiente de algoritmos.
A Olimpíada Informática Galega 2022 desenvolverase o 4 de febreiro de 2022 de xeito presencial, sempre que a situación sanitaria o permita, e de maneira simultánea en tres sedes: A Coruña, Santiago e Ourense (Facultade de Informática da UDC, Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC e Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo).
A inscrición a cada unha das sedes aínda non está aberta, pero si está aberta unha pre-inscrición que dará preferencia para a elección de sede na inscrición final, ademais do dereito a asistir de forma gratuíta a uns adestramentos en colaboración coa academia Leagues of Codes. Estes adestramentos comezan mañá sábado, 16 de outubro, cunha proba de nivel que se poderá realizar durante toda a vindeira semana, e permitirá asignar axeitadamente a cada estudante ao grupo que mellor se axuste aos seus coñecementos en programación para as seguintes clases, permitindo incluso que poidan asistir estudantes sen coñecementos previos de programación.
Este concurso de programación está orientado a estudantes de ensinanza secundaria, bacharelato e grao medio (ou equivalente). Permitirá seleccionar a dous representantes galegos para que participen na Olimpíada Informática Española, que se celebrará en abril de 2022. De aí, os gañadores poderán acceder á Olimpíada Informática Internacional, que se celebrará en agosto de 2022 en Indonesia.
Máis información: https://oig.gal/. Contacto: informacion@oig.gal
- Inicie sesión o registrese para enviar comentarios